lunes, 20 de septiembre de 2010

Programa Completo


Venres, 24 de setembro
19:30h. Inauguración das exposicións

Olladas de muller
A exposición consta de 34 fotografías en cartón-pluma tamaño grande, o que a converte nun xeito moi interesante de achegarse ás diferentes OLLADAS DE MULLERES que teñen as moi diversas mulleres da Mariña.

Destrución da paisaxe
Fotografía e instalacións de novos artistas da Mariña

O castro de Atalaia
A asociación pretende con esta exposición chamar a atención sobre a vergoñenta situación na que se atopa este importante xacemento castrexo de San Cibrao, ameazado na actualidade por unha actuación urbanística que nunca se debeu iniciar.

Exposición sobre Rosalía de Castro.
Significa a presentación en Lugo dunha exposición sobre Rosalía de Castro elaborada pola Fundación Manuel María.

20:00h. Pregón a cargo do actor Luís Iglesia Besteiro

20:30h.Inauguración das casetas das asociacións culturais

20:45h.Presentación do proxecto”Unha Casa Museo para Manuel Maria”

22:00h.Concerto - Homenaxe a Mini e Mero
Susana Seivane
Os Tres Trebóns
A Quenlla
Os Miñotos.
Ugia Pedreira.
Xabier Díaz.
Xesús Mato.
Marica Campo.
Afonso Blanco.



Sábado, 25 de setembro

11:00.Roteiro polo patrimonio e a historia. Os castros, os ferreiros, os mazos, as caleiras e as casas grandes.
11:00h.Ciclo de documentais. As folgas xerais en Galiza, Carvalho Calero, Memorias rotas e Uxio Novoneyra.

14:00h.Xantar de Galiza Nova

16:00h.Inauguración da Feira do libro e do disco galego.
Presentación de:
17:00h. Xosé Chao Rego. Bernardo García Cendán e Marcos Maceira.
18:00h. Rosalía, o clamor da rebeldía. Pilar G.arcía Negro
19:00h. Noente paradise, de Ugia Pedreira e Raquel Miragaia.

16:30 Tuppersex
O principal obxectivo do obradoiro TUPPERSEX é favorecer cunha metodoloxía lúdica e formativa, e desde unha perspectiva feminista, o autocoñecemento da anatomía fisiolóxica de cadaquén, para rachar cos falsos mitos, tabús e prexuízos que existen arredor do sexo contribuíndo a que tanto mulleres como homes poidan coñecer mellor a súa sexualidade. O obradoiro busca tamén facilitar a adquisición, desenvolvemento e interiorización de hábitos sexuais saudábeis e seguros, así como a mellora da autoestima.

20:00h. A galegofobia
Emilio González(Psiquiatra),
Xoán Carlos Garrido(Filosofo)
María do Carmo Garcia Negro(Economista)


22:00h Recital da xeración dos 80
Pepe Cacamo
Cesáreo Sánchez
Xulio Valcarcel
Luísa Castro
Manuel Forcadela
Xavier Seoane
Miguel Anxo Fernán Vello
Xavier Rodríguez Baixeras






Domingo, 26 de setembro

11:30 h. Feira do libro
Espectáculos para as nenas e nenos
12:00h Magin Blanco con A nena e o grilo
13:00h Anxo Moure e a súa bici biblo
Exposición de oficios tradicionais e instrumentos musicais

16:00 Campionato de bolos

16:00h. Aberto de billarda.

17:00h. Maratón de curtas. A tola, O Cadaleito, Os Crebinsky, Miguel Goteira e novos criadores....





domingo, 19 de septiembre de 2010

A Xeración dos 80 xúntase despois de 20 anos nun recital na Festa da Cultura

O sábado 25 de setembro a Festa da Cultura organizada por diferentes asociacións culturais da zona vai acoller unha feira do libro e do disco galego que se alongará até o domingo 26 e que a maiores de achegar aos veciños da comarca publicacións e música galega, vai recibir actividades de animación para os máis novos así como a presentación de libros e discos.
Neste sentido debemos destacar o domingo 26 a presenza de Magín Blanco co seu espectáculo musical  para nenos a partir das 12.00h e de Anxo Moure con outra actividade de animación Biblo-Bici. Magín asinará tamén exemplares do seu libro disco A nena e o grilo.
Na xornada do sábado ás 17:00h presentarase o libro homenaxe a Xosé Chao Rego a cargo dun dos seus autores Bernardo García Cendán e de Marcos Maceira, coordinador do volume.
Ás 18:00 h Pilar García Negro presentará o seu ensaio Rosalía: o clamor da rebeldía, premio de ensaio da Fundación Vicente Risco. Ás 19:00h Ugia Pedreira presentará o seu disco poemario Noente paradise que recolle cancións e poemas da cantante mariñá.
Asemade o sábado 25 a partir das 22:00 h a praza das Rodrigas acollerá un recital poético que permitirá o reencontro da denominada Xeración dos 80 da que neste ano se cumpre o 25 aniversario. A Xeración dos 80 significa o máis importante pulo anovador da poesía galega dos últimos trinta anos, na medida que significa unha ruptura coa poesía social que impregnou a  lírica galega desde a década dos 60 e a recuperación dun rexistro culto emparentado coa tradición literaria dos anos trinta. O recital poético vai representar un acontecemento único na medida que vai posibilitar coñecer de primeira man a obra  deste grupo xeracional que se volve a xuntar após 20 anos.
Os poetas que participarán do recital son X. M. Álvarez Cáccamo, Cesáreo Sánchez, Xulio Valcárcel, Luísa Castro, Manuel Forcadela, Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán Vello e Xavier Rodríguez Baixeras. Algúns deles xa aparecen naquela primeira escolma editada sob o título De amor e desamor, asemade aparecen persoas ligadas ao grupo de Vigo e outras ao grupo de Coruña, así como xente que inaugurou este grupo como Fernán Vello ou Baixeras e os epígonos como Luísa Castro. Todos e cada un destes autores teñen escrito unha ampla obra literaria e dentro deles atópanse algunhas das voces máis potentes da nosa poética. Asemade o feito de que todos eles permanezan como autores en activo, o recital vai permitir coñecer a evolución da súa escrita, os elementos definitorios do grupo, que elementos fican daquela poesía dos 80, as diferenzas e os elementos comúns entre eles.
As asociacións organizadoras do acto pretenden que este recital sexa tanto un recoñecemento a este grupo xeracional pero fundamentalmente a unha posibilidade para que o grande público acceda á poesía. Xa que logo pretendemos sacar a poesía á rúa, non como unha excepción, pero si con un recital que ten moito de excepcional tanto polos autores como polo feito de que significa volver a xuntar esta xeración literaria. Neste sentido queremos convidar a todas e a todos os nosos veciños e veciñas a participar desta noite de poesía.

martes, 14 de septiembre de 2010

Homenaxe a Mini e Mero

O Venres 24 concerto en Riotorto con Susana Seivane, Os Tres Trebóns,Os Minhotos, Xavier Díaz,Ugia Pedreira e Mini e Mero.

O Venres 24 de Setembro ás 22:00h, no marco da Festa da Cultura, as asociacións culturais organizadoras  desta xornada van render homenaxe a Mini e a Mero dúas figuras senlleiras da musica e da cultura galega. Na opinión das entidades o recoñecemento a Mini e Mero é unha obriga de todo o pobo galego e de xeito moi particular do movemento asociativo, na medida da labor desenvolta por ambos os dous na difusión e estudio da nosa música, do seu compromiso coa lingua e a cultura galega e da súa colaboración con canta causa vinculada ao País. Segundo os colectivos que promoven esta homenaxe, que vai consistir no seu nomeamento como socios de honra das entidades organizadoras, Mini e Mero significan atopármonos con que fomos, somos e aspiramos a ser,máis alá da calidade contrastada e dos gustos, os seus temas son para todos nos, conciencia, memoria, loita e Galiza.
Ao fin Mini e Mero significan o triunfo da palabra, propia ou prestada, escrita ou falada, pero nosa. Homenaxeamos a Mini e Mero, pero tamén nos  homenaxeamos nos, cada vez que nos agasallan cun/seu traballo. Homenaxeamos porque un seu traballo é triunfo da xenerosidade, creación colectiva non mercantilizada, porque un seu traballo é festa da lealdade, tradición de nos que perdura, porque un seu traballo é victoria da dignidade, liberdade de exercer de seu . Estamos certos de que esta homenaxe a Mini e a Mero non é máis que un grao de area na débeda que todos os galegos temos contraído con eles, posto que foron e son mestres, posto que foron e son exemplo, en definitiva porque teñen feito moito por Galiza e pola súa cultura e moita máis que lles queda por facer.
A homenaxe vai consistir nun concerto no que participarán Susana Seivane,Os Tres Trebóns, Os Miñotos, Xavier Díaz e Ugia Pedreira, fechando o mesmo unha actuación dos homenaxeados. Susana Seivane, a gaiteira de Ribeira de Piquín é unha das máis recoñecidas interpretes de gaita de Galiza. Ugia Pedreira, a cantante de Foz, é unha das voces máis potentes do panorama musical galego, onde forma parte de grupos como Marful ou anteriormente de Chouteira. Xavier Díaz cunha alongada carreira musical, tanto en solitario, como noutros conxuntos, actualmente combina a súa faceta como cantautor, como cantante de Berrogueto. Os Tres Trebóns, liderados por Xurxo Souto, é un grupo de rock coruñés do que forman parte músicos de longo percorrido en grupos do Bravú como os Diplomáticos ou Os Papaqueixos. Os Miñotos é un grupo da comarca da Chaira, adicada a musica tradicional e conformado por persoas cunha longa traxectoria na música galega.
Asemade entre a actuación de cada un dos grupos farán uso da palabra persoas vinculadas a actividade destes dous galegos como a escritora Marica Campo,Xesús Mato, grade promotor da musica galega e impulsor de Fuxan os Ventos e Afonso Blanco, Presidente de Xermolos e impulsor do festival de Pardiñas. .Neste sentido queremos agradecer a participación desinteresada de todas estas persoas e grupos de musica . Xa por último queremos convidar a todos os colectivos, asociacións e veciños da zona a que se sumen a esta homenaxe na que entre outras cuestións vaise proceder a nomear a Mini e Mero como socios de honra dos colectivos organizadores. Neste sentido queremos indicar que se trata dunha homenaxe aberta podéndose sumar a el todas as persoas e colectivos que así o desexen.Podedes achegar as vosas adhesións ao email:festadacultura@gmail.com


jueves, 9 de septiembre de 2010

FEIRA DA CULTURA. ENCONTRO DE ASOCIACIÓNS CULTURAIS

40 asociacións de base organizan un encontro cultural
da Mariña e a Terra Chá
Riotorto acolle a última fin de semana de setembro a Feira da Cultura
O vindeiro 24, 25 e 26 de setembro o concello de Riotorto vai acoller un encontro cultural organizado por máis de 40 asociacións culturais da Mariña e da Terra Chá. Esta Feira da Cultura ten como obxectivo ser un espello do traballo desenvolto polo movemento cultural de base así como divulgar entre a poboación o traballo de creación nos diferentes ámbitos culturais.
As asociacións organizadoras con estas xornadas queren poñer en común as iniciativas que levan a cabo en marcha individualmente, verificar que é posíbel e tamén necesario articular un espazo de referencia para unha cultura non mercantilizada e non dependente das axudas públicas e contrastar as potencialidades de sumar sinerxias e de que o movemento cultural galego tire nunha mesma dirección desde a súa diversidade sobre os seus campos de traballo. Neste sentido cómpre destacar que as máis de 50 actividades que se van desenvolver na última fin de semana de setembro fanse sen ningún tipo de axudas públicas e van ser financiadas a través da venda de bonos e das achegas dos propios colectivos culturais. Os colectivos que participan nesta xornada cobre un amplo abano do movemento asociativo, desde grupos feministas (Observatorio da Mariña pola Igualdade), defensa do patrimonio (Mariña Patrimonio ou Arrincadeira de Riotorto), deportivas (Liga Nacional de Billarda ou Clubes de Bolos), ecoloxistas (ADEGA…), xuvenís (Chilindrín,Galiza Nova…), lecer (Irmandade de San Caetano) ou culturais (A Pomba do Arco, Buril, Francisco Lanza, Ollomao, Emedemeira…).
A diversidade das asociacións convocantes vai ter tamén a súa plasmación nas actividades nas que se misturan desde a presentación de libros, a obradoiros de sexualidade, roteiros polo patrimonio e o medio natural, concertos, recitais poéticos, representación teatrais, proxección de curtas de creación e tamén de documentais, exposicións das asociacións ou de novos creadores, competicións de xogos tradicionais, animación de rúa, venda de libros e música galega, ou conferencias. Algúns dos participantes nas actividades destas xornadas serán persoas recoñecidas do panorama cultural galego como Mini e Mero, Susana Seivane, Pilar García Negro, Ugia Pedreira, Xavier Baixeras, Miguel Anxo Fernán Vello, Luísa Castro se ben o auténtico protagonista do evento van ser os novos creadores, as asociacións culturais e as xentes da Mariña, da comarca de Meira e da Terra Chá que son a base material que sustentan este corpo que nos chamamos cultura galega. Neste sentido queremos lembrar que a praza das Rodrigas en Riotorto acollerá stánds de todas as asociacións participantes que expoñerán material coas actividades que desenvolven e asemade queremos convidar o conxunto do movemento asociativo galego a que se sume a esta actividade, poñéndose en contacto con nós para colocar un posto da súa entidade se así o desexan.
As entidades convocantes queren convocar a toda a nosa poboación a participar desta actividade que pretende ser unha mostra da viveza da cultura galega, da necesidade dun forte movemento cultural onde a sociedade xogue un papel protagónico fronte á cultura programada que opera como un amnésico convertendo o cidadán en espectador, da seguridade de que un tecido cultural de base activo é a garantía de futuro para a cultura galega e tamén para os que formamos parte dese corpo cultural.