martes, 14 de septiembre de 2010

Homenaxe a Mini e Mero

O Venres 24 concerto en Riotorto con Susana Seivane, Os Tres Trebóns,Os Minhotos, Xavier Díaz,Ugia Pedreira e Mini e Mero.

O Venres 24 de Setembro ás 22:00h, no marco da Festa da Cultura, as asociacións culturais organizadoras  desta xornada van render homenaxe a Mini e a Mero dúas figuras senlleiras da musica e da cultura galega. Na opinión das entidades o recoñecemento a Mini e Mero é unha obriga de todo o pobo galego e de xeito moi particular do movemento asociativo, na medida da labor desenvolta por ambos os dous na difusión e estudio da nosa música, do seu compromiso coa lingua e a cultura galega e da súa colaboración con canta causa vinculada ao País. Segundo os colectivos que promoven esta homenaxe, que vai consistir no seu nomeamento como socios de honra das entidades organizadoras, Mini e Mero significan atopármonos con que fomos, somos e aspiramos a ser,máis alá da calidade contrastada e dos gustos, os seus temas son para todos nos, conciencia, memoria, loita e Galiza.
Ao fin Mini e Mero significan o triunfo da palabra, propia ou prestada, escrita ou falada, pero nosa. Homenaxeamos a Mini e Mero, pero tamén nos  homenaxeamos nos, cada vez que nos agasallan cun/seu traballo. Homenaxeamos porque un seu traballo é triunfo da xenerosidade, creación colectiva non mercantilizada, porque un seu traballo é festa da lealdade, tradición de nos que perdura, porque un seu traballo é victoria da dignidade, liberdade de exercer de seu . Estamos certos de que esta homenaxe a Mini e a Mero non é máis que un grao de area na débeda que todos os galegos temos contraído con eles, posto que foron e son mestres, posto que foron e son exemplo, en definitiva porque teñen feito moito por Galiza e pola súa cultura e moita máis que lles queda por facer.
A homenaxe vai consistir nun concerto no que participarán Susana Seivane,Os Tres Trebóns, Os Miñotos, Xavier Díaz e Ugia Pedreira, fechando o mesmo unha actuación dos homenaxeados. Susana Seivane, a gaiteira de Ribeira de Piquín é unha das máis recoñecidas interpretes de gaita de Galiza. Ugia Pedreira, a cantante de Foz, é unha das voces máis potentes do panorama musical galego, onde forma parte de grupos como Marful ou anteriormente de Chouteira. Xavier Díaz cunha alongada carreira musical, tanto en solitario, como noutros conxuntos, actualmente combina a súa faceta como cantautor, como cantante de Berrogueto. Os Tres Trebóns, liderados por Xurxo Souto, é un grupo de rock coruñés do que forman parte músicos de longo percorrido en grupos do Bravú como os Diplomáticos ou Os Papaqueixos. Os Miñotos é un grupo da comarca da Chaira, adicada a musica tradicional e conformado por persoas cunha longa traxectoria na música galega.
Asemade entre a actuación de cada un dos grupos farán uso da palabra persoas vinculadas a actividade destes dous galegos como a escritora Marica Campo,Xesús Mato, grade promotor da musica galega e impulsor de Fuxan os Ventos e Afonso Blanco, Presidente de Xermolos e impulsor do festival de Pardiñas. .Neste sentido queremos agradecer a participación desinteresada de todas estas persoas e grupos de musica . Xa por último queremos convidar a todos os colectivos, asociacións e veciños da zona a que se sumen a esta homenaxe na que entre outras cuestións vaise proceder a nomear a Mini e Mero como socios de honra dos colectivos organizadores. Neste sentido queremos indicar que se trata dunha homenaxe aberta podéndose sumar a el todas as persoas e colectivos que así o desexen.Podedes achegar as vosas adhesións ao email:festadacultura@gmail.com


No hay comentarios:

Publicar un comentario