domingo, 19 de septiembre de 2010

A Xeración dos 80 xúntase despois de 20 anos nun recital na Festa da Cultura

O sábado 25 de setembro a Festa da Cultura organizada por diferentes asociacións culturais da zona vai acoller unha feira do libro e do disco galego que se alongará até o domingo 26 e que a maiores de achegar aos veciños da comarca publicacións e música galega, vai recibir actividades de animación para os máis novos así como a presentación de libros e discos.
Neste sentido debemos destacar o domingo 26 a presenza de Magín Blanco co seu espectáculo musical  para nenos a partir das 12.00h e de Anxo Moure con outra actividade de animación Biblo-Bici. Magín asinará tamén exemplares do seu libro disco A nena e o grilo.
Na xornada do sábado ás 17:00h presentarase o libro homenaxe a Xosé Chao Rego a cargo dun dos seus autores Bernardo García Cendán e de Marcos Maceira, coordinador do volume.
Ás 18:00 h Pilar García Negro presentará o seu ensaio Rosalía: o clamor da rebeldía, premio de ensaio da Fundación Vicente Risco. Ás 19:00h Ugia Pedreira presentará o seu disco poemario Noente paradise que recolle cancións e poemas da cantante mariñá.
Asemade o sábado 25 a partir das 22:00 h a praza das Rodrigas acollerá un recital poético que permitirá o reencontro da denominada Xeración dos 80 da que neste ano se cumpre o 25 aniversario. A Xeración dos 80 significa o máis importante pulo anovador da poesía galega dos últimos trinta anos, na medida que significa unha ruptura coa poesía social que impregnou a  lírica galega desde a década dos 60 e a recuperación dun rexistro culto emparentado coa tradición literaria dos anos trinta. O recital poético vai representar un acontecemento único na medida que vai posibilitar coñecer de primeira man a obra  deste grupo xeracional que se volve a xuntar após 20 anos.
Os poetas que participarán do recital son X. M. Álvarez Cáccamo, Cesáreo Sánchez, Xulio Valcárcel, Luísa Castro, Manuel Forcadela, Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán Vello e Xavier Rodríguez Baixeras. Algúns deles xa aparecen naquela primeira escolma editada sob o título De amor e desamor, asemade aparecen persoas ligadas ao grupo de Vigo e outras ao grupo de Coruña, así como xente que inaugurou este grupo como Fernán Vello ou Baixeras e os epígonos como Luísa Castro. Todos e cada un destes autores teñen escrito unha ampla obra literaria e dentro deles atópanse algunhas das voces máis potentes da nosa poética. Asemade o feito de que todos eles permanezan como autores en activo, o recital vai permitir coñecer a evolución da súa escrita, os elementos definitorios do grupo, que elementos fican daquela poesía dos 80, as diferenzas e os elementos comúns entre eles.
As asociacións organizadoras do acto pretenden que este recital sexa tanto un recoñecemento a este grupo xeracional pero fundamentalmente a unha posibilidade para que o grande público acceda á poesía. Xa que logo pretendemos sacar a poesía á rúa, non como unha excepción, pero si con un recital que ten moito de excepcional tanto polos autores como polo feito de que significa volver a xuntar esta xeración literaria. Neste sentido queremos convidar a todas e a todos os nosos veciños e veciñas a participar desta noite de poesía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario